Resíduo Mínimo

Residuo Mínimo é unha a campaña de Educación Ambiental para a redución dos residuos e a compostaxe en O Morrazo

O que coñecemos por “residuo” non existe na natureza. Trátase dunha consecuencia das actividades humanas. Respiramos grazas ao oxíseno (un “residuo” das árbores) comemos grazas á materia orgánica que nutre os solos (un “residuo” animal e vexetal). Na natureza todos os procesos son circulares e non hai nada que deixe de ser aproveitado para pechar o círculo.

Nós convertemos esos círculos en liñas rectas cando evitamos que retornen ao seu ciclo os elementos naturais ou cando inventamos elementos que non existían na natureza. Nós inventamos os residuos e os convertemos nun problema. Para facernos unha idea da dimensión deste problema pensemos que cada persoa xenera en Galicia 449 quilos de lixo cada ano.

A materia orgánica é un elemento imprescindible para recuperar a fertilidade dos solos, os montes queimados ou os espazos naturais degradados, polo que non podemos desperdiciala converténdoa nun residuo.

Compostaxe

Fácilmente podemos transformar a metade dos residuos que producimos diariamente na nosa propia vivenda nun abono rico para as hortas e xardíns. Coa compostaxe evitamos que esa materia orgánica chegue a incineradoras e vertedoiros, e polo tanto evitamos a perigosa contaminación que produce a incineración. A queima do lixo é unha ruína ecolóxica e económica, que consume máis enerxía da que produce, e que non soluciona o problema dos residuos.

Reducción de Residuos

Reducir os residuos materiais tamén está nas nosas mans. Poden ser reintroducidos no ciclo productivo a través da correcta separación selectiva e posterior reciclaxe, dando lugar a novos materiais e reducindo o esgotamento e a expoliación de recursos naturais. Unha media de 8 millóns de toneladas de plásticos chegan cada ano aos mares e océanos do mundo, e polo tanto ás nosas costas, a maioría deles procedentes de envases dun só uso que rápidamente pasan a converterse nun residuo.

Dende os nosos hábitos diarios podemos poñer freo a esta invasión do plástico, á vez que os Concellos aforran podendo reinvertir esos recursos en melloras ambientais.

Amigos da Terra pon en marcha este proxecto de educación ambiental xunto coa Mancomunidade do Morrazo e a colaboración de Recolte como un primeiro paso nese camiño imprescindible (e inevitable) cara á redución e a xestión sustentable dos residuos.

[ AMPLIAR INFORMACIÓN ]