Acerca de

Residuo Mínimo O Morrazo é unha campaña de Educación Ambiental, e polo tanto unha proposta participativa de aprendizaxe conxunta, de reflexión e de capacitación para a acción.

Coñecer un problema e actuar individual e comunitariamente na súa solución

Pretendemos informar e sensibilizar á cidadanía dos concellos de O Morrazo sobre a necesidade dun cambio de modelo de consumo baseado na produción excesiva de residuos, dando a coñecer á súa vez alternativas concretas e prácticas para minimizar o lixo que xeramos cada día.

Deste xeito, e coa participación da poboación, a Mancomunidade do Morrazo será un exemplo na mellora da xestión dos residuos, no aumento da recuperación de materiais e no fomento dun consumo responsable.

O proceso de participación ofrece tres posibilidades:

1. PARA AS FAMILIAS

Programa de compostaxe doméstica” para 150 familias da Comarca (50 familias por concello). Se tes unha vivenda cun pequeno anaco de horta ou xardín dentro da Mancomunidade, podes formar parte do programa, que vai dirixido a xente coma ti. Darémoste un composteiro, un manual e asesoramento ao longo do proceso. Coa compostaxe doméstica reduces residuos e obtés o teu propio abono de calidade para a túa horta ou xardín. Apúntaste?

2. PARA A CIDADANíA

Accións de rúa”. Se eres veciña ou veciño do Morrazo podes ser protagonista desta campaña. Estaremos nas rúas para darte voz e traballar xuntos e xuntas sobre formas prácticas para reducir os residuos, mellorando a calidade do reciclado ou buscando alternativas de consumo responsable. Pasos pequenos que provocarán grandes cambios. Cada mes visitaremos unha das vilas da Mancomunidade para realizar actividades a pe de rúa e dispor dun espazo informativo. Achégate a coñecernos!

3. PARA OS CENTROS DE ENSINO

Programa educativo”. Nesta campaña, a comunidade escolar é parte importante. Tanto alumnos e alumnas como os equipos docentes, como as ANPAS poden implicarse nela grazas aos recursos e propostas didácticas adaptadas aos distintos nives educativos que poremos a súa disposición. Obradoiros, contidos para a reflexión, dinámicas ou xogos que motivarán a avanzar cara o residuo mínimo tamén nos centros de ensino.