Na natureza non existen os residuos. Parece pouco importante pero convén empezar polo principio e ese principio ten que ver con que o que entendemos como residuo é un invento noso, é un produto das actividades humanas. Podémolo imaxinar comparando un círculo cunha liña recta. Na natureza todos os procesos esenciais son circulares. Calquera cousa que algún elemento da natureza produza como refugallo é vital para a vida doutro elemento que, á súa vez, o incorpora ao anterior pechando o círculo.
Enténdese mellor con exemplos concretos: se vostede está a ver esta páxina é porque está a respirar. Está vostede reutilizando un residuo, o osíxeno, que desprenden as árbores. A súa respiración emite un novo residuo, o dióxido de carbono que, á súa vez, necesitan as árbores para vivir. Círculo pechado. Esas mesmas árbores despréndense estes días das súas follas. Acaban de converterse nun residuo. Ditas follas son o soporte vital para os fungos, bacterias e microorganismos que as van descompoñer e converter en abono. Ese abono é o soporte vital para que vivan as árbores. Novamente acabamos de pechar o círculo.
Onde está o “lixo” nestes procesos? Onde está ese material de refugallo que se acumula sen que ninguén nin nada o poida utilizar? Imos agora á nosa casa. Unha simple comida implica que imos xerar residuos, desde unha simple monda de pataca ata unhas cascas de ovo, ou o que se lles ocorra. Eses residuos, materia orgánica, vanse ao cubo de lixo, vanse ao colector, vanse á incineradora e vanse a un depósito de cinzas de incineración, e alí quedan, acumulándose sen que ninguén nin nada os aproveite. Este proceso é lineal. Acabamos de inventar o lixo. Acabamos de converter en lixo algo que non o era nin debería selo.
Poñamos outro exemplo: imaxínese que a súa bañeira se atasca, a auga desborda e asolágaselle a casa. Podería empezar a achicar a auga con cubos, podería mesmo saír urxentemente a comprar unha bomba de auga, ante esta emerxencia tería moitas opcións pero… o primeiro que se lle ocorrería non sería pechar a billa? A xeración de residuos urbanos é un problema que, por acumulación, xa podemos considerar unha emerxencia. Reaccionamos, como no caso da nosa bañeira, recorrendo a solucións a cal máis creativa, e máis custosa. Vertedoiros incontrolados, vertedoiros controlados, incineración… e reciclaxe, por suposto, pero… a alguén se lle ocorreu, para empezar, pechar a billa?
A campaña “Residuo MÍNIMO no Morrazo”, impulsada pola Manconumidade de Concellos do Morrazo, Recolte e Amigos da Terra, empeza polo principio: pechar a billa polo menos todo o que podamos. Calquera elemento que non convertamos en lixo é algo ao que non teremos que buscar solución porque non será un problema. Cando se di que a xestión dos residuos debe rexerse polo principio das tres R (Reducir, Reutilizar e Reciclar) esquecemos que non se trata soamente da afortunada coincidencia de que os tres conceptos empezan pola mesma letra. A cousa ten máis profundidade: estes tres conceptos están ordenados en función da súa prioridade, por iso o primeiro é REDUCIR. Canto estariamos dispostos a pagar por comprar lixo por exemplo cada vez que fósemos facer a compra? A pregunta parece absurda. Ninguén vai facer a compra coa idea de comprar lixo. O problema é que o facemos. Cada vez que utilizamos unha bolsa de plástico dun só uso, cada vez que compramos produtos metidos en envases e embalaxes superfluos, cada vez que optamos por sobreempaquetados antes que graneis estamos, obxectivamente, comprando lixo, e non precisamente barato. Un exemplo: cada vez que vostede compra unha lata de refrescos está a facer literalmente iso, comprar a lata. O refresco, que é o que vostede de verdade quere consumir, é un agasallo engadido por xentileza do fabricante. Se sumamos todo o ciclo desa lata, desde as minas de bauxita ata a planta na que se converte en láminas de aluminio, pasando pola seguinte planta na que os ferros se converten en latas, ata que se enchen, pintan, van ao andel do supermercado e convértense en lixo; en rigor, efectivamente, compramos unha lata. O que leva dentro é con diferenza o máis barato de todo o proceso que, por medio, leva por diante a desfeita natural e humana en orixe e o insustentable malgasto de recursos e malgaste enerxético ao final. Non nos podemos permitir seguir así. Non é unha cuestión de filosofía, senón de ciencia. Xa estamos a dar cabezazos contra os límites biofísicos deste planeta.
De todas esas latas que mercamos (ou das bolsas de plástico, por poñer outro exemplo cotiá), soamente unha mínima parte incorpórase ao mal menor: o colector amarelo. Estamos ou non estamos a comprar lixo? É unha enorme factura social, as persoas dos países empobrecidos morren para que nós poidamos ter as nosas necesidades sobrecubertas. É unha hipoteca ambiental, porque estamos a consumir os recursos que deberíamos legar aos nosos bisnetos e é, sobre todo, unha utopía. Non podemos seguir así, o noso planeta xa non o soporta.
REDUCIR a cantidade de residuos que xeramos, ese é o principio. Por iso a Mancomunidade de Concellos do Morrazo, Recolte e Amigos da Terra convidámoslles a que, como toda boa viaxe, se sumen a empezar por este primeiro paso.